Wednesday 15 de May de 2024

Cambre detectou 141 edificacións en ruínas e iniciou expediente de demolición de medio centenar delas


Esta semana tivo lugar a derradeira das máis de 40 demolicións de ruínas que está a tramitar o Concello. Na zona da Telva (Sigrás), unha antiga nave industrial corría perigo de esborralle polo que foi incluída no informe de edificacións en estado ruinoso elaborado polos técnicos municipais. Neste momento tramitáronse 42 expedientes de ruína e leváronse a cabo case unha decena de demolicións.

O Concello de Cambre continuando coa súa política de mellorar a seguridade dos transeúntes e a imaxe do municipio elaborou un informe en todo o territorio no que detectou a presenza de 141 inmobles e edificacións en estado ruinoso.

Iniciou a tramitación de expediente de ruína de medio centenar destes casos priorizando o lugar, o estado da ruína e a súa posible incidencia na vía pública en canto á seguridade dos peóns.

A modo de exemplo, o Concello iniciou primeiro os expedientes de ruína das edificacións situadas en chan urbano e que daban a vías, beirarrúas ou sendas peonís.

NA actualidade, dos 42 expedientes en tramitación, 18 están pendentes da declaración de ruína, 21 xa presentaron o proxecto de demolición, e tres dos expedientes executaraos o Concello de forma subsidiaria.

Ademais comezarase este verán a tramitar o expediente de 20 ruínas máis que xa informaron os técnicos municipais.